Accións contra Reganosa nas Institucións Europeas

Blogue de traballo do Colectivo Ártabra 21 para a loita contra o despropósito gasístico de Reganosa

quarta-feira, 10 de fevereiro de 2010

Esquerda Unida ampliará nestes días a súa denuncia contra a planta de gas diante da Comisión de peticións do Parlamento Europeo

ASISTIRÁ UNHA REPRESENTACIÓN DE EU Á SESIÓN

Esquerda Unida vai presentar neste días unha ampliación da denuncia sobre a planta de gas de Reganosa, na previsión –a confirmar a vindeira semana– de que o día 23 haberá unha reunión da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo.

A nosa organización vai achegar un documento onde se amplían os feitos presentados na petición de novembro de 2007. Ampliación que terá en conta as incidencias e as modificacións producidas no devir da planta nestes máis de dous anos en funcionamento.

Esquerda Unida quere lembrar que esta ampliación da denuncia amosa con claridade que non houbo arquivo da nosa demanda. A nosa petición segue o seu curso e Esquerda Unida ten o convencemento racional e crítico da xusteza das nosas razóns –de máis dunha sesentena de entidades e asociacións– encol de conquerir un pronunciamento a prol da razón e a vida que expresan as entidades que nos opoñemos á planta de gas.

A planta de gas de Reganosa segue a manter unha ubicación ilegal, asemade de fundamentarse con datos incertos para xustificar a súa viabilidade económica. Planta prescindible debido a súa acción destrutora sobre o ecosistema da ría e baixa eficiencia.

As incidencias resultantes das entradas dos gaseiros son un dos aspectos novos e problemáticos que se están a suscitar con recorrencia: unha decea de embarcacións tiveron que abortar a entrada na ría a causa das condicións climatolóxicas imperantes, dando razón do risco denunciado pola nosa organización. A recepción de embarcacións (barcos metaneiros) de até 140.000 metros cúbicos ou o incumprimento das normas de seguridade e navegabilidade abondan neste rubro argumental.

A acción destrutora sobre o ecosistema da ría ou a pretendida ampliación da capacidade regasificadora son cuestións que levan a Esquerda Unida a incorporar novos datos e análises en apoio da nosa petición.

O Plan de Emerxencia Exterior acumula irregularidades que a nosa organización entende, e así o vai argumentar na Comisión de Peticións, ameazan a vida e seguridade da veciñanza.

En resumo, unha delegación de Esquerda Unida asistirá á sesión da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo para facer valer os dereitos da cidadanía de Ferrolterra e para acadar o mesmo resultado que en Marín (recheos do porto) ou Vilagarcía (depósitos de Ferrazo), unha resolución favorable aos intereses da veciñanza e contra os intereses económicos duns poucos.

Fonte: http://www.esquerdaunida.org/noticias.asp?Idnoticia=1718
_________________________

Nenhum comentário:

Postar um comentário